Que pasa co proxecto de converter a antiga Casa de Correos na nova sede da Fundación Terra Termarum?

A rehabilitación da antiga Casa de Correos para convertela en sede da Fundación Terra Termarum é un proxecto que o goberno municipal de Cuntis vén anunciando como inminente dende fai varios anos. Periodicamente o Alcalde anuncia fondos para executar un proxecto que a fundación que xestiona o xacemento de Castrolandín precisa e vén demandando dende fai moito tempo. Máis alá dos anuncios e a propaganda que caracterizan a acción de goberno do PSOE, fai unhas semanas soubemos que a súa xestión real volveu provocar a perda dunha subvención de máis de 32.000 € de fondos europeos para este proxecto.

Mediante escrito con data do 7 de maio de 2022, a Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia (AGADER) comunicoulle ao Concello de Cuntis a perda do dereito ao cobro da axuda concedida de 32.300, da que xa lle foran adiantados 16.150 (a metade) que o Concello de Cuntis tivo que devolver. O motivo de tal resolución foi o esgotamento do prazo para executar e xustificar tal axuda sen que o Goberno Municipal presentara a documentación requirida. Ademais, segundo consta no escrito de AGADER, o Concello de Cuntis tampouco formulou alegacións ante esta resolución, co que de facto asume o seu propio incumprimento. O propio Alcalde de Cuntis, mediante Decreto de Alcaldía do 20 de xuño (2022/0484), ordena a devolución da subvención percibida para a rehabilitación da Casa de Correos.

“O Concello de Cuntis perde os 32.300 € xa concedidos e ten que devolver 16.150 € xa cobrados que fan parte dunha axuda para o proxecto de rehabilitación. Ademais, e malia que o Alcalde o leva anunciando varios anos, a solicitude da subvención provincial foi realizada o 28 de febreiro deste mesmo ano”

Ademais disto, e malia que o Alcalde vén anunciando o inmediato comezo das obras dende hai varios anos, a solicitude de subvención á Deputación de Pontevedra para a execución do proxecto foi realizada o pasado 28 de febreiro deste mesmo ano e contempla dúas anualidades: o presente 2022 e o vindeiro 2023, como así vemos no Decreto de Alcaldía 2022/0108.

Este caso é un exemplo que reúne os principais ingredientes do día a día do Goberno Municipal do PSOE de Cuntis: propaganda enganosa, anuncios falsos e pésima xestión. O xacemento de Castrolandín e a función que realiza a Fundación Terra Termarum merecen o máximo apoio institucional e a aposta máis decidida polo seu desenvolvemento. O establecemento dunha sede propia, funcional e adaptada ás necesidades da entidade para poder realizar as súas actividades de maneira óptima representa unha urxencia que vén sendo adiada dende hai varios anos con mentiras e medias verdades por parte do Goberno Municipal. A sensibilidade do PSOE co desenvolvemento cultural e arqueolóxico, así como coa posta en valor do noso patrimonio como atractivo turístico e potencial económico non van máis alá das fotos e da propaganda. A realidade dos feitos é ben distinta e demóstrase cos documentos reais.

Veciñanza presta o máximo apoio á Fundación Terra Termarum e considéraa unha entidade estratéxica e imprescindible no desenvolvemento turístico e no ámbito da posta en valor do noso patrimonio. O Goberno Municipal do PSOE ten demostrado en numerosas ocasións a súa torpeza na xestión administrativa, pero cando menos debemos esixirlle transparencia e que non empregue a mentira como recurso diario. Nin toda a propaganda do mundo pode ocultar a ineptitude deste Goberno, especializado na acumulación de débeda e na perda de subvencións.

Share

Tamén pode gustarche...